Videoconferencia

http://www.coordinadoraendl.org/entrada.php?paxina=cienciaengalego/2012/videoconferencias.php

Introdución




Con motivo da celebración do III Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego a Coordinadora Galega de ENDL eo servizo de normalización lingüística da Universidade de Santiago de Compostela convidan a todos os centros educativos non universitarios a participar nunha videoconferencia vía web o vindeiro martes 6 de novembro, na que destacados investigadores en Física de Partículas formados en institutos galegos achegarán temáticas de interese curricular para o noso alumnado e os proxectos científicos que desenvolven na actualidade. Ademais de seguir a videoconferencia, os centros escolares que desexen participar terán a posibilidade de interaccionar con eles vía chat a través dunha sala virtual de fácil manexo. 



 




 



 

VIDEOCONFERENCIA PARA SECUNDARIA


Título: "Facendo Física de Partículas polo mundo"

Relatores:

  • Patricia Conde. Investigadora no LIP de Lisboa. Física do experimento ATLAS do CERN.
  • Olalla Castro. Profesora no City University en Londres. Investiga en Teoría Cuántica de Campos.
  • Abraham Gallas. Investigador no CERN e na USC. Físico do experimento LHCb do CERN.
  • Carlos Salgado. Investigador no CERN e na USC. Investiga o estado da materia nos primeiros instantes do Universo..
  • Cibrán Santamarina. Profesor da USC. Traballa no experimento LHC do CERN.

Contido: Os experimentos do LHC no CERN levan máis de dous anos de toma de datos. Neste período producíronse resultados científicos de grande interese. A descuberta dunha resonancia que podería ser o bosón de Higgs, que foi noticia de primeira páxina en todos os informtivos do mundo, a pescuda de partículas supersimétricas, os resultados na busca do plasma de quarks e gluons, o estado da materia do universo primitivo, son só algúns dos fitos acadados.

Neste proxecto internacional traballan físicos galegos que colaboran con colegas de todo o mundo nun contexto multilingüe. Moitos deles utilizan o noso idioma para realizar parte do seu traballo, tanto no contexto informal de discusións entre eles, como para a realización de traballos científicos (teses e teses de mestrado) así como na docencia e a divulgación científica. 

Nesta actividade reuniremos nunha videoconferencia a varios investigadores espallados polo mundo que participan nos experimentos do LHC e que nos contarán a súa experiencia científica e lingüística e as vantaxes que lles supuxo saber falar galego.

Destinatarios: Alumnado de 2º ciclo da ESO e Bacharelato.

Data e hora: Martes 6 de novembro entre as 12:30h e as 13:30h.

 

 



NECESIDADES TÉCNICAS DOS CENTROS


 

Ordenador con conexión a internet (recomendado con cabo, non con wifi) e altofalantes, canón proxector e pantalla e software: Flash Media Player.

 

INSCRICIÓN




Por motivos organizativos, os centros interesados (ata un máximo de 100) deben enviar un correo a correo@coordinadoraendl.org indicando os seguintes datos: nome do centro, departamentos/docentes implicados, niveis educativos en que se vai... desenvolver a actividade, Nº de alumnos/as implicados/as, profesor/a de contacto (tamén correo), e Observacións (dúbidas, suxestións, etc.).

A continuación, recibirán un correo no que se lles informará do enderezo URL da Sala Virtual e se lles dará as instrucións pertinentes.