Cultura e Educación convida a celebrar o Mes da Ciencia en Galego cunha completa programación de actividades nas bibliotecas

http://www.edu.xunta.es/web/node/13814

Cultura e Educación convida a celebrar o Mes da Ciencia en Galego cunha completa programación de actividades nas bibliotecas
Exposicións, conferencias, espectáculos de maxia e teatro, mostras bibliográficas e audiovisuais centran as propostas de divulgación científica nas bibliotecas públicas
Ángel Carracedo é o autor do manifesto do Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas 2014, que a Consellería difundirá a través da rede e nos centros bibliotecarios de xestión autonómica
As bibliotecas escolares convértense en espazo de referencia para saber máis das matemáticas, con obradoiros, xogos, recursos electrónicos e guías de lectura
Tamén nos centros educativos, os traballos dos equipos de dinamización da lingua galega contribúen a poñer en valor o uso do idioma propio no ámbito científico
Ven, 07/11/2014 - 15:30
Cultura e Educación convida a celebrar o Mes da Ciencia en Galego cunha completa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove durante todo novembro unha completa programación de actividades de divulgación científica en galego para convidar a cidadanía a festexar o Mes da Ciencia en Galego. Con motivo desta celebración, a Consellería tamén difundirá a través da rede o texto que o científico Ángel Carracedo creou para a ocasión e que, ademais, se distribuirá nas bibliotecas públicas de xestión autonómica.

As bibliotecas públicas das cidades galegas e as bibliotecas escolares das catro provincias convértense nos principais escenarios desta celebración, que inclúe exposicións, conferencias, obradoiros, ciclos de cine, mostras bibliográficas, coloquios, guías de lectura, espectáculos de maxia e teatro, concursos e sesións de xogos para celebrar o Mes da Ciencia durante as próximas semanas.

Ler e vivir a ciencia en galego

Para ler e vivir a ciencia en galego, a Biblioteca de Galicia e as bibliotecas públicas da Coruña Miguel González Garcés, de Pontevedra Antonio Odriozola, de Vigo Juan Compañel, de Santiago Ánxel Casal, de Lugo e de Ourense, xestionadas pola Secretaría Xeral de Cultura, ofrecen múltiples propostas para animar a grandes e pequenos a conmemorar o Mes da Ciencia, que se poden consultar na axenda de Cultura da Xunta de Galicia, na páxina web www.cultura.gal/axenda.

Coloquios e conferencias

Nesta programación conmemorativa non faltarán os coloquios e as conferencias, como a que ofrecerá en Lugo o científico Ángel Carracedo, que afondará no impacto que o coñecemento do xenoma está a ter noutras disciplinas como a xustiza, a medicina ou mesmo o coñecemento da historia. O biólogo do Centro Oceanográfico da Coruña Manuel Vázquez Brañas abordará na cidade herculina a investigación sobre o mar e os océanos, mentres que, na capital de Galicia, o profesor Ramón Cid falará do CERN, o Laboratorio Europeo de Física de Partículas Elementais.

A importancia da transferencia de información entre científicos e sociedade centrará a conferencia que o profesor Luís Navarro ofrecerá na cidade compostelá, onde tamén se desenvolverá a charla-coloquio ‘Videoxogos, tecnoloxía e familia’, a cargo de Imaxin.

Obradoiros científicos

Os obradoiros científicos serán outros dos protagonistas desta programación, con propostas como as que promoverá a Biblioteca de Galicia para viaxar por diferentes pratos do menú dun castro a través da arqueoloxía, para descubrir os segredos que agocha o sal de mesa e para experimentar co carbono. Tamén en Santiago de Compostela, a biblioteca Ánxel Casal organizará obradoiros infantís de ábaco e cálculo mental, xunto con actividades de divulgación da astronomía para todas as idades en colaboración co Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC.

Os nenos e nenas que se acheguen á biblioteca pública de Lugo terán ocasión de aprender outras formas de cociñar, como fritir un ovo sen aceite e sen calor, mentres que a biblioteca pública de Ourense se converterá nun laboratorio de experimentos para que os rapaces e rapazas descubran o científico que levan dentro. Na biblioteca pública o obradoiro ‘Ciencia e maxia’ terá como fío condutor a figura do Padre Feijoo, no ano no que se conmemora o 250º aniversario do pasamento do frade bieito.

Propostas audiovisuais

O audiovisual tamén estará presente nesta celebración a través de ciclos de cine como o que acollerá a biblioteca pública de Ourense, organizado polo Cineclube Padre Feijoo en colaboración co Instituto Goethe; así como coas proxeccións de dous audiovisuais sobre os polbos e os cabaliños de mar na biblioteca Juan Compañel.

Espectáculos de maxia e teatro

As actividades tampouco se esquecerán da maxia e do teatro. A Biblioteca de Galicia abrirá a súa programación dedicada á ciencia coa peza teatral ‘Que traballo tan curioso’, para público familiar, mentres que a biblioteca pública de Lugo ofrecerá o espectáculo ‘O que a maxia esconde’, con divertidos trucos centrados na auga.

Diversas mostras bibliográficas e exposicións sobre temáticas como a vida dos romanos e dos castrexos, a necesidade de protexer os ecosistemas mariños, así como os inventos que revolucionaron o mundo, entre outras, completan a programación nos centros da Rede de Bibliotecas de Galicia de xestión autonómica.

Lingua e ciencia

A Secretaría Xeral de Política Lingüística abriu o Mes da Ciencia en Galego coa exposición ‘Arte e Ciencia’, na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela, unha das iniciativas coas que pretende poñer en valor o uso do idioma propio de Galicia no ámbito científico e contribuír a promover a investigación desenvolvida na nosa lingua.

A celebración en Lalín de diversos actos centrados na figura do matemático e físico galego José Rodríguez, a quen se lle dedica este ano o Mes da Ciencia, así como a divulgación a través do web dos traballos máis destacados dos equipos de dinamización da lingua galega son outras das accións de Política Lingüística encamiñadas a festexar o Mes da Ciencia en Galego.

Para o alumnado de centros educativos de nivel ata bacharelato e formación profesional de grao medio, Política Lingüística promove o concurso de programación ‘Inventa en galego’, no que os participantes deben facer un programa en App Inventor fixándose nos sensores do móbil, orientación, acelerómetro, localización etc.

Mes da Ciencia nas bibliotecas escolares

‘Biblioteca escolar... matemático!!!’ é o lema co que este ano as bibliotecas escolares animan os alumnos e alumnas a ampliar o seu coñecemento sobre ciencias, concretamente a saber máis das matemáticas.

Con este obxectivo, as bibliotecas escolares convértense no mes de novembro nun fervedoiro de iniciativas variadas e orixinais, entre as que se inclúen exposicións bibliográficas, guías de lectura sobre obras relacionadas coas ciencias, selección de recursos electrónicos, obradoiros de experimentos científicos, concursos de fotografía matemática, sesións de xogos e mais de lectura e cálculo, que se poden consultar en www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/.

Ademais, para este comezo do curso, a Asesoría de bibliotecas escolares da Consellería puxo ao dispor dos centros educativos unhas maletas viaxeiras científicas sobre matemáticas, ás que se sumarán outras sobre ciencias naturais, bioloxía e xeoloxía, así como de física e química.

Finalmente, os días 7 e 8 de novembro celebrarase en Santiago de Compostela unha nova edición das xornadas de bibliotecas escolares, na que se presentarán, entre outras, diversas experiencias arredor das matemáticas.