- Log in to post comments
https://grupo-1-biologia-4a.webnode.es/sobre-mi/
De Rosa María González Conde
Un ano máis celebramos por todo o alto o Día da Ciencia en Galego no IES 12 de Outubro de Ourense. Aí van as actividades que o alumnado do noso Centro levou a cabo para seguir reivindicando o dereito de gozar da ciencia na nosa lingua.
Comezamos cos homenaxeados. Traballamos a figura de ÁNGELES ALVARIÑO, galega e muller, que deu nome ao buque oceanográfico español e quen dedicou a súa vida en Galicia e EEUU, á procura de novos coñecementos oceanográficos e novas especies mariñas. O alumnado de Bioloxía de 4º ESO construíu unha reprodución en cartón do buque oceanográfico que leva o seu nome. Auténticas enxeñeiras e enxeñeiros navais traballaron moito para mostrar a todo o centro unha replica do mesmo. No barco aparecen investigadoras e investigadores que son o noso alumnado de 1º ESO, e mesmo puxeron un capitán, quen a través do seu megáfono informa da vida desta investigadora galega. Tiveron que gravar a información e conectar esta a un altofalante que permanece oculto detrás da figura do capitán. O alumnado que pon a súa voz é o de 2º ESO. Deste xeito cando te achegas ao barco podes aprender sobre Ángeles Alvariño. (Envíamos vídeo). O buque acompáñase tamén dun cofre, feito todo en cartón, con moedas douradas pero onde cobran especial protagonismo as especies descubertas pola científica, metáfora de que a verdadeira riqueza está na conservación da biodiversidade.
Sobre a figura de EVARISTE GALOIS, matemático francés, quen cambiou esta disciplina, pero tamén a Arte, a Física, a Química e mesmo a Xeoloxía inventando o concepto de grupo e de grupo de Simetría, o alumnado de 3º de Diversificación no Ámbito Científico-Tecnolóxico, preparou un libro xigante. Tamén este alumnado traballou moito, preparando a portada para que semellase un libro antigo, engurrando papel, pintando, envellecendo e tamén procurando información deste interesante matemático. A información foi colocada logo en láminas grandes de cartón que semellaban as páxinas antigas e gastadas do libro, acompañando a información de ilustracións sobre a súa figura. Podes meterte dentro do libro e as páxinas poden moverse para coñecer a vida de Galois.
Ademais, sendo este 2022 é o ANO INTERNACIONAL DAS CIENCIAS BÁSICAS PARA O DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE e como ben decides na vosa páxina, un momento clave de mobilización para convencer aos líderes económicos e políticos, e tamén ao público en xeral. Non quixemos así, deixar de traballar este apartado. O noso alumnado de 4º de Cultura Científica, preparou unha serie de globos aerostáticos, para chamar a atención sobre esta cuestión. Con globos, papel de xornais, cola branca e algo de pintura, deron voz a moitas das cuestións que neste momento deberían ser prioritarias. Traballaron e investigaron sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e plasmaron as súas ideas nas escadas que baixan deste globos que dan colorido e reivindicación ao teito do noso IES.