Domingo García Sabell

Submitted by admin on Dom, 04/09/2023 - 11:18

Eliximos a Domingo García-Sabell como médico galego neste ano da Saúde para todos. Na Galipedia salientan que:

Domingo García-Sabell Rivas, nado en Santiago de Compostela o 8 de outubro de 1909 e finado na Coruña o 5 de agosto de 2003, foi un médico, escritor, político e académico galego, presidente da Real Academia Galega.

Así por unha vez temos a un científico que falaba galego sen dificultade, e non só iso, celebramos a Ciencia na Real Academia Galega da que foi presidente.

Di a Galipedia que

As súas aptitudes levárono a integrar o cadro de profesores e investigadores da Facultade de Medicina. Ao rematar a súa formación, obtivo o Premio Extraordinario de Licenciatura e ampliou estudos en Suíza e Alemaña.[1][3] No país xermano familiarizouse co pensamento de Max Scheler e Martin Heidegger, entre outros. Tamén tomou contacto coa escola médica de Heidelberg, que introduce como principal achega o valor do doente na Patoloxía. Esta iniciación filosófica derivará nun pulo humanizador da medicina que o acompañará ao longo da súa vida intelectual e profesional.[3][2][1]

No Hospital da Charité de Berlín traballou xunto a Gustav von Bergmann, interesado pola patoloxía funcional. Posteriormente ingresou no Instituto Pasteur de París, para investigar no campo da bacterioloxía con Amadée Guy. En Madrid traballou co catedrático Gustavo Pittaluga Fattorini no Servizo de Hematoloxía.[4]

En 1932 defendeu a súa tese de doutoramento El metabolismo intermediario en la obesidad[5] na Universidad Central (actual Complutense de Madrid). Foi dirixido por Carlos Jiménez Díaz e foi recoñecido co Premio Extraordinario de Doutoramento.[1][3]

Fernando Barros Pumariño, Valle-Inclán e García-Sabell en Compostela en 1935.

De regreso a Compostela, fixo amizade con Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Roberto Nóvoa Santos, Miguel de Unamuno, Ramón María del Valle-Inclán, Gonzalo Torrente Ballester e Ramón Otero Pedrayo, de quen foi médico.[2] Neste contexto vital e intelectual xermolaron os seus grandes compromisos co humanismo e a visión antropolóxica da medicina, de Galicia e do mundo da cultura.[3][2][1]

En 1936 afiliouse ó Partido Galeguista, polo que ó comezar a Guerra civil española foi internado un tempo no campo de concentración da Lavacolla.[2] Trala guerra foi depurado e tivo que dedicarse á medicina privada.[1] Contactou co galeguismo cultural e en 1950 converteuse en director da Editorial Galaxia xunto a Ramón Piñeiro. Foi elixido membro da Real Academia Galega a proposta de Ramón Otero Pedrayo, Sebastián Martínez-Risco e Leandro Carré Alvarellos. Leu o discurso de entrada o 20 de xuño de 1959, co título Análisis eisistencial do home galego enfermo, respondido polo propio Otero. Presidiu a Real Academia Galega entre 1979 e 1997[6]. Amais, traduciu ó galego a Martin Heidegger e mais a James Joyce.[3][2][1]

Nas eleccións xerais de España de 1977 resultou elixido senador por designación real. Foi Delegado do Goberno en Galicia de 1981 a 1996, xa que presentou a súa dimisión dous días antes de converterse José María Aznar en presidente do goberno.

Wikipedia

Etiquetas