Poemas para ciencia en galego de Claudio Rodríguez Fer sobre Isaac Díaz Pardo

Aquí tes o meu poema a Isaac e, como curiosidade, outro moi anterior que lle dediquei a un científico galego amigo seu, o xeólogo Isidro Parga Pondal. Saúde, ciencia e poesía.

COMPAÑEIRO ANCESTRAL ISAAC DÍAZ PARDO

 

 

Compañeiro ancestral Isaac Díaz Pardo:

 

Escribo ao antigo Castro de Samoedo

sobre o unánime corpo dos galaicos,

outra vez cerámica escachada

a golpes de usura e desmemoria.

 

Escríboche como ti nos escribías,

coa tinta fraternal da memoria das vítimas.

 

Escribo á Bauhaus da Magdalena

escoitando tangos e milongas

que traen exiliación na diáspora

e derrotas na procura de derrotas.

 

Escríboche como ti nos escribías,

coa tinta laboral dos militantes dos actos.

 

Escribo á futurista utopía de Sargadelos,

pois man a man o emigrante e o exiliado

construíron con caolín as esperanzas

do laboratorio de formas integrais.

 

Escríboche como ti nos escribías,

coa materia prima do mañá moi dentro.

 

Escribo ao recanto máis humilde

do teu corazón construtivista,

afluíndo sempre avances libertarios

pola arteria visible dos tubos funcionais.

 

Escríboche como ti nos escribías,

pola aberta unión libre, camarada.

 

Escribo como ti nos escribías,

homo faber tenaz, xenial e solidario,

pois contigo estivemos no principio

e contigo estaremos máis alá do final.

 

Escríboche como ti nos escribías,

dispostos sempre a comezar.

 

Porque se algo é mentira, compañeiros,

é que morreu Isaac.

 

Claudio Rodríguez Fer

isaac Diaz Pardo

MINERAL HABITABLE

 

A Isidro Parga Pondal

 

Eu sei dun nobre bloque de granito e de xisto

antigo como un fósil perdido nas idades.

 

A casa de pedra na que habito e me habita

mantívose perenne dende o pasado ígneo:

as rochas metamórficas formadas en milenios

abundan nesta terra lonxana nas orixes.

Sedimentarias penas grandes libros de pedra

nos que non pode lerse a historia do pasado

agardan por Galicia nun silencio de séculos.

 

Non hai sobre o planeta un máis antigo e pétreo

mineral habitable.

 

Claudio Rodríguez Fer, A boca violeta, 1987.