Adxunto o poema e unha foto miña con Isaac no Instituto Galego de Información, diante dun tapiz deseñado por el. Grazas pola atención, bo traballo e un saúdo solidario coas causas de Isaac, Carmen Blanco.
ISAAC SI:
O HOME DA MEMORIA AMOROSA
A Isaac Díaz Pardo, que deseñou outra muralla para a mellor memoria de Lugo.
Nacera con ollos amorosos para mirar o mundo e as mulleres da rúa das Hortas. Non esqueceu nada.
Medrara mellorando a vida coa súa arte radical da existencia. Non esqueceu nada.
Cando levaba os ollos iluminados cunha ilusión sen límites viu levantarse os odios asasinos e a violencia vingativa da guerra. Non esqueceu nada.
Sentiu a morte e a loucura no seu sangue e tivo que agacharse para sobrevivir. Non esqueceu nada.
Volveu á vida do amor e á súa arte da existencia. Non esqueceu nada.
Construíu con amor a grande obra mestra da memoria amorosa de Galicia para Galicia e para máis alá de Galicia. Non esqueceu nada.
Reuniu con amor os documentos da memoria dos agravios para defender todas as causas xustas. Non esqueceu nada.
Ergueu con amor os monumentos da memoria das defensoras e dos defensores da liberdade para que non os esquezamos nunca. Non esqueceu nada nunca.
Lugo e Boisaca, 4 e 5 xaneiro, 2013.
Carmen Blanco
Palabras de Carmen Blanco no acto de presentación do libro Unha cesta de pombas e mazás, celebrado na Galería de Sargadelos de Lugo:
É para min un pracer homenaxear a IDP con persoas que o queren. Quero ser leal ao IDP que o foi comigo. E declárome abertamente discípula de IDP, discípula díscola, como el é, discípulo díscolo, e loitadora libertaria escéptica e pacífica, igual que el é “conservador / libertario, inconformista e descrido”. Non digo o dito e feito antes de que el viñese aquí. Gárdoo na memoria. E aínda escoito a súa voz. E vou facer soar de novo unhas voces súas, co desexo seu “d´un mundo e d´un tempo millores”, dedicadas á muller e os fillos, para a paz libre e xusta e para a memoria da liberdade:
VOZ PRIMEIRA:
Vai unha femia a tua beira que escoita o que non falas.
No debuxo de “O rapas que emigrara”, Unha presa de dibuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de xente do seu rueiro, 1956.
VOZ SEGUNDA:
Mais eu inda che gardo o máis perenne que unha muller pode gardar do amante, que é o amor que che regalei, levián de min, queoutras vendéroncho
Na voz de Silva, IDP, Midas, 1951.
VOZ TERCEIRA:
Pese a que eu vivín sempre cun sentimento de culpabilidade na sospeita de que meu pai morreu pra me salvar a min, ou pagou por min débedas que eu podía ter, coido que é notorio que eu fixen todo o posible por superar o trauma e enterrar todo resentimento, ollando pra diante, poñendo por riba de todo unha esperanza pra o futuro pra axudar a vivir a todos (...) E sufrín calado esquencementos involuntarios os uns e do oportunismo de vellos e novos os máis.
En“Unhas notas de Díaz Pardo xustificando algunhas das ilustracións do texto e elas mesmas como ilustración”, en Os que non morreron. 1981.
Ve e escoita ben o Cego Zago. IDP escoita cos ollos. Di SI e di NON. Coas dúas estrelas BRANCA e NEGRA da LIBERACIÓN. SI a Galiza e ao resto do mundo da liberdade. Non á opresión. Por isto digo eu SI a ISAAC: ISAAC SI. O ESPLENDOR DOS ÉXITOS REAIS IDP, DOS ÉXITOS DAS REAIS FÁBRICAS DE CERÁMICA IDP, DAS REAIS FÁBRICAS DE TAPICES IDP...
Vou ler un poema que comezou a ser pensado cando me fixen irmá de IDP na memoria da liberdade e que comezou a ser escrito para actos e accións varias cando Isaac andaba de pé, antes de que lle cortasen as mans e antes de comezar a morrer polas pernas, como el dicía. É un poema á súa BOA MEMORIA. Á súa MEMORIA BOA. A dedicatoria fai referencia ao monumento que deseñou para a Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo de Lugo. Cando nolo enviou, a Claudio e a min, díxonos que Lugo era romano e que pensara noutra muralla. O poema canta esa súa boa memoria contando unha ficción miña da súa vida: