Boa noite!
Nun ano dedicado as figuras de Alan Turing e Tarsy Carballas e sendo ademais o ano da economía creativa para o desenvolvemento sostible, a IA e os novos poliedros, os departamentos de Tecnoloxía e Bioloxía do noso insti, púxemonos a traballar man a man e este foi o resultado.
O alumnado de 3º ESO botando man da súa creatividade demostrou que as computadoras poden ter unha segunda vida e que a imaxinación é quen de impulsar un desenvolvemento inclusivo. No taller de tecnoloxía e coa profesora de Bioloxía desmontaron aquelas computadoras inservibles e construiron diferentes obxectos cos que se fixo unha exposición na entrada do noso IES. Ademais nun panel explicábase a importancia de reciclar o lixo tecnolóxico porque "a túa vella computadora pode chegar, vía África, ao peixe que comes". A creatividade do noso alumnado resultou ser un recurso renovable, sostible e ilimitado.
A figura de Turing foi homenaxeada polo alumnado de 4º ESO. Este, preparou en cartón computadoras que nos puxeron ao día sobre o home que descubriu o concepto de máquina Universal. Así mesmo, deseñaron nas aulas de tics, blog sobre a importancia da Intelixencia Artificial no mundo do deporte e da medicina entre outros. Os distintos grupos do IES, pasaron pola exposición para aprender acercar de Turing e das aplicacións da IA.
Por último o alumnado de Anatomía Aplicada no apartado de expresión corporal preparou un vídeo cun programa de entrevistas sobre a problemática dos incendios forestais e a recuperación posterior do solo. Rendendo así homenaxe a científica galega Tarsy Carballas. Eles deseñaron personaxes e diálogo e ademais son os propios produtores do vídeo. Todas e todos unhas e uns artistas, sen dúbida.
E para celebrar o día por todo o alto, todo o alumnado e profesorado do Centro recibiu un marcapáxinas para conmemorar o día. Nunha das caras aparecen os 17 obxectivos da Axenda 2030 e na outra a imaxe do robot que destaca na cartaz deste ano.
Un ano máis, esperamos que vos gustasen as nosas iniciativas que buscan demostrar e reivindicar que tamén se pode facer ciencia na nosa lingua.
Enviamos fotos e vídeo. ( O vídeo vai en outro correo e o poñeremos na canle de igaciencia de youtube youtube.com/igaciencia1 proximamente)
Grazas e unha aperta agarimosa para todas e todos